¿Cantas veces...?
sábado, 20 de maio de 2006 4:36
Fíxenme esa pregunta con demasiada frecuencia, en infinidade de momentos na vida e xamais fun capaz de resolvela. Mirando ó redor, observando o que pasaba día a día, nengunha frase alcanzou a respondela. Preguntei moitas veces, unhas con palabras, outras coa mirada, pero non foron quen, ou non quixeron, espantar a miña dubida aqueles enquisados cun tema sinxelo e perigoso.
Hoxe, os anos e a experiencia empezan a pasar, descúbrome xa demasiadas horas pensando nos recordos e as miñas pernas encamíñanse sempre coa firmeza que da o saber.
Xa non tremo, podo alterarme e apretárseme o corazón, pero xa o medo non se fai dono de min. Pasaron os lustros e os días, deron voltas as horas e as sensacións deixando aquela pregunta no ar.
Quizais alguén... Non o sei, non creo que a adiviña se resolva.
Seguirei impresionandome de min mesmo mentres penso: ¿Cantas veces es capaz de namorarte?.
De mañá ben cedo.
venres, 19 de maio de 2006 6:00
Ás veces, por buscar, perdemos as sensacións que tódolos días se producen arredor de nos, eses momentos que, con pouco, nos dan que pensar e poden aledarnos unha xornada completa.
Lembro, coma seguramente moitos, aquel primeiro parque das piscinas, ou dos "namorados" como se coñeceu durante moitos anos entre a xuventude máis brincadeira de Lalín. Era un lugar sinxelo, moi alonxado do que hoxe se entende coma área de esparcimento ou lugar de paseo. Tiña árbores, posiblemente o unico nexo en común co actual, e camiños de terra, que se embarraban no inverno coas choivas, posuía uns pequenos estanques nos que os rapaces podiamos buscar ras e cobras, uns pouco pretenciosos columpios e un vello muiño, case derruido, que daba o punto subrealista a todo aquilo. A costa do auditorio servía pra baixar a toda chispa coas bicicletas e os cesteiros viñan unha vez ó ano traballar no seu. Dende el subiamos a tumba celta, faciamos excursións o embalse e achegabámonos o campo de tiro a recoller os platos que se perdían.
Era un parque descoñecido pra moitos, ó que so se miraba no verán cando se enchían as piscinas, e que pasou sen pena nen gloria pola historia de Lalín.
Hoxe temos un parque moderno, con cemento, farolas, bancos, un longo paseo e ata un par de "lagos". Gústame, non o vou negar, pero non é o meu, non é o do meu recordo. Aquel parque semellaba máis natural, con máis natureza, menos artificial. Supoño que o progreso, os estilos, e o tempo, non pasan sen deixar pegada.
Estes días fixen un descubrimento, un feito que me chamou a atención e despertou a miña curiosidade, un momento que me troixo recordos e o cheiro a brañas que o parque tivera noutrora:
Á maña, ben cedo, un grupo de patos salvaxes cruza Lalín en dirección a Donsión, quero imaxinar que buscando os grandes ríos da comarca. Volven á noitiña polo mesmo camiño, dan un par de voltas sobre o parque, e pousanse na auga buscando descanso.
Parece que, a pesares do cemento, de retirar o antigo muiño e encher todo aquilo de especies foraneas, a nosa natureza recobra o terreo que se lle foi retirando.
Ás veces, por buscar, non nos percatamos do facil que é ser feliz cun recordo.
Xa sei por que me gustas.
xoves, 18 de maio de 2006 5:18
Comprendín que non é a tua pel.
No medio dun sono souben que o teu corpo non é o que me tolea.
As luces do sol lembráronme ese pelo brincadeiro pero tampouco foi quen me engaiolou.
Caendo a noite Venus díxome dos teus ollos, andibo preto, pero non era tal.
No regato, axexando a auga, pensei nas tuas pernas, e aquela leira de erva verde trouxome o recordo do teu ventre.
Nin pensei nos teus peitos e somentes as tuas mans estiveron a trabucarme.
Nengún deles, e todos, me fan pensar en ti.
Somentes, agochado e esquivo, chegou o teu sorriso pra namorarme.
Observando
mércores, 17 de maio de 2006 4:11
Quizais a noite sexa pra moitos de nos unha completa descoñecida, esa caricia que lembran os cans perdidos durante días a veira da estrada, o xesto amable e inesperado dun descoñecido que nos tende a man.
A noite, o silencio e a escuridade plena, gardan secretos e recordos dos que probablemente non sexamos conscientes, pero que mostran outra visión da vida a miudo nada despreciable.
É curioso como se ve Lalín de noite, sentados nalgún dos cumios que o rodean, e acompañados dalgunha das luas do ano. Brazos de luz espállanse dende un nucleo fluorescente na procura doutros lares, coma regatos de augas vivas baixando entre as lousas cara o río. Esas lineas de luz, transitadas na media noite por uns poucos e solitarios vehículos, son as que unen centos de xentes, de vidas, de historias ás que ignoramos no día. Esas serpes de negro asfalto vinculan almas, a maioría dormidas na plenitude da noite, que pouco ou moito teñen que ver entre si, e ás que o sol voltará a transformar en seres animados e profundamente descoñecidos uns dos outros.
A lúa, curioso satélite menguante e crecente, sabe de todas elas e lembra, que en conxunto, unidas e descoñecidas, son o verdadeiro pobo, a forza que fai medrar Lalín con maior ou menor destreza, con mellor ou peor futuro. A lúa, co seu xirar intermitente, recorda aqueles que estiveron e sabe que todos marcharán, deixando mellor ou peor lembranza, pero so iso, unha lembranza.