De mañá ben cedo.
19/05/2006
Ás veces, por buscar, perdemos as sensacións que tódolos días se producen arredor de nos, eses momentos que, con pouco, nos dan que pensar e poden aledarnos unha xornada completa.
Lembro, coma seguramente moitos, aquel primeiro parque das piscinas, ou dos "namorados" como se coñeceu durante moitos anos entre a xuventude máis brincadeira de Lalín. Era un lugar sinxelo, moi alonxado do que hoxe se entende coma área de esparcimento ou lugar de paseo. Tiña árbores, posiblemente o unico nexo en común co actual, e camiños de terra, que se embarraban no inverno coas choivas, posuía uns pequenos estanques nos que os rapaces podiamos buscar ras e cobras, uns pouco pretenciosos columpios e un vello muiño, case derruido, que daba o punto subrealista a todo aquilo. A costa do auditorio servía pra baixar a toda chispa coas bicicletas e os cesteiros viñan unha vez ó ano traballar no seu. Dende el subiamos a tumba celta, faciamos excursións o embalse e achegabámonos o campo de tiro a recoller os platos que se perdían.
Era un parque descoñecido pra moitos, ó que so se miraba no verán cando se enchían as piscinas, e que pasou sen pena nen gloria pola historia de Lalín.
Hoxe temos un parque moderno, con cemento, farolas, bancos, un longo paseo e ata un par de "lagos". Gústame, non o vou negar, pero non é o meu, non é o do meu recordo. Aquel parque semellaba máis natural, con máis natureza, menos artificial. Supoño que o progreso, os estilos, e o tempo, non pasan sen deixar pegada.
Estes días fixen un descubrimento, un feito que me chamou a atención e despertou a miña curiosidade, un momento que me troixo recordos e o cheiro a brañas que o parque tivera noutrora:
Á maña, ben cedo, un grupo de patos salvaxes cruza Lalín en dirección a Donsión, quero imaxinar que buscando os grandes ríos da comarca. Volven á noitiña polo mesmo camiño, dan un par de voltas sobre o parque, e pousanse na auga buscando descanso.
Parece que, a pesares do cemento, de retirar o antigo muiño e encher todo aquilo de especies foraneas, a nosa natureza recobra o terreo que se lle foi retirando.
Ás veces, por buscar, non nos percatamos do facil que é ser feliz cun recordo.