Lalín Castellano  Galego  

Soños na madrugada

Cando as vagoas da noite esvaran polas tuas meixelas

Xa chegou...

06/06/2006

De novo.

Un ano máis.

Sen avisar.

Cheo.

Vermello.

Forte.

Seco.

Húmido.

Abafante.

Dulce.

Envolvente.

Caluroso.

Sorrinte.

Xa está entrando o verán..

http://lalin.cidadans.net/EstrelaDaMana/2006/06/06/xa-chegou/
0 Comentarios - Enviar comentario

Adiante.

01/06/2006

E entornando os ollos, lentamente, mirou ó frente.

Deu os primeiros pasos e encamiñou as suas horas cara a un novo destino que somentes o futuro prevía.

Non mirou atrás, pero as lembranzas nunca o deixaron, e a miudo matinaba naquelo que puidera ter sido...

http://lalin.cidadans.net/EstrelaDaMana/2006/06/01/adiante/
1 Comentario - Enviar comentario

Ainda está ahí.

24/05/2006

Xa o tempo non se conta cos dedos das mans e ainda me apreta, ainda corrompe as miñas ideas, creando prexuizos ante novas oportunidades.

Xa os reloxos voltaron a marcar con normalidade as horas da vida, pero sintoo dentro con ansia, loitando por dañar os futuros que se presentan ante min.

Xa as campás tocaron a festas co ánimo dun novo ano e non dou esquecido todo aquelo, deixando a unha veira todolos retos por mor unha ferida inesperada.

Xa todos me falaron, me dixeron e aconsellaron, e as palabras non souberon, non quixeron, mostrar unha verdade á que abrazarse en cada soño.

Xa pasou máis veces, xa non é novidade, non é sorpresa cando chega, xa sei a que aferrarme, pero non vexo como hei de ceivarme.

Esta forza que me esgana acábame coa alma, abríndo a esperanza, sin deixar de torturarme. Sei que será peor, que ata agora non foi nada, pero non sei como pode un acostumbrarse, non o sei.

Ainda me doe...

http://lalin.cidadans.net/EstrelaDaMana/2006/05/24/ainda-esta-ahi/
0 Comentarios - Enviar comentario

Xa case non queda nada.

23/05/2006

Este sábado tiven a sorte de poder dar un paseo polas ruas do pobo, unha tarde de lecer á que me permitín engadirlle un axexo a recunchos que me trouxeran lembranzas doutrora.

Camiñando paseniño chegei á Pintor Laxeiro, despois de pisar a Praza do Concello (que foi daquelas árbores), darlle un axexo ó novo Regeiriño (cantas ras caeron nas miñas mans) e subir a Cacharela (ainda lembro ó zapateiro)entre outras. Entrei por abaixo, dende a Caixa de Vigo, agora Caixanova, e mentres subía non puiden deixar de sentir os berros que acompañaban noutrora esta rúa. As pelotas, as carteiras de levar á espalda ou as mamás tirando dos nenos cara á escola. Fumos moitos os que subimos por alí cara o antigo (que dificil decir esto) Manuel Rivero. Mirando os escaparates, pegando os chimpos máis grandes e mercándolle ó Heladero as bolsas de sorpresas. Ás dez da mañá e as cinco da tarde os autobuses montaban unhos atascos de vicio e nos quedábamos ata preto das seis pateando o balón.

Na miña memoria ainda están os días de feira, cando saiamos a correr cando o timbre da unha comezaba a cantar, coa intención de ver ós últimos tenderetes, aqueles que esperaban ó final pra recoller e voltábamos tarde á casa sabedores dos berros de nosas nais.

Daquelo pouco queda hoxe nesa rua. Os rapaces xa non berran e na Unión non se poden mercar chicles, o descampado é agora un parque de cemento, a biblioteca pasou a ser un almacén e o colexio...

Non podo describir o que sentín ó ver o colexio. O Manuel Rivero coas paredes pintadas, os cristais rotos e varias falcatruadas máis. Voltando atrás vin a Doña Rosa, Don Suso, Doña Gloria, Don José, Doña Amelia, Don Antonio e tantos profesores que puxeron da sua man pra comezar a facernos xente que fora polo mundo con sentidiño, como loitaron por un cierre pra o colexio, polo patio cuberto, por cambiar as ventanas, as persianas, por tapar as pingueiras...

O que para min e pra moitos foi a nosa casa durante anos hoxe está deixado da man de todos, esperando por un destino final que o derrube, froito da especulación ou do non saber de quen teña que tomar a decisión. Non sei cal sería o mellor destino, pero quizais albergar unha biblioteca en condicións, un pequeno auditorio para o centro do pobo, aulas de usos múltiples e públicos, un parque de erva ou outros. Supoño que a visión de bloques de pisos se antolla moito máis apetecible para outros, pero seguro que tamén se podian compaxinar con todo o anterior, e incluso unhos financiar ós outros.

Non o sei, e posiblemente tampouco importe.

Despois de acercarme á cancela e darlle un vistazo a todo marchei paseniño cara á casa dándolle de que cavilar á cabeza.

Podo dicir que non deixei marchar nengunha bagoa, pero a pena encolleume o corazón.

http://lalin.cidadans.net/EstrelaDaMana/2006/05/23/xa-case-non-queda-nada/
0 Comentarios - Enviar comentario

¿Cantas veces...?

20/05/2006

Fíxenme esa pregunta con demasiada frecuencia, en infinidade de momentos na vida e xamais fun capaz de resolvela. Mirando ó redor, observando o que pasaba día a día, nengunha frase alcanzou a respondela. Preguntei moitas veces, unhas con palabras, outras coa mirada, pero non foron quen, ou non quixeron, espantar a miña dubida aqueles enquisados cun tema sinxelo e perigoso.

Hoxe, os anos e a experiencia empezan a pasar, descúbrome xa demasiadas horas pensando nos recordos e as miñas pernas encamíñanse sempre coa firmeza que da o saber.

Xa non tremo, podo alterarme e apretárseme o corazón, pero xa o medo non se fai dono de min. Pasaron os lustros e os días, deron voltas as horas e as sensacións deixando aquela pregunta no ar.

Quizais alguén... Non o sei, non creo que a adiviña se resolva.

Seguirei impresionandome de min mesmo mentres penso: ¿Cantas veces es capaz de namorarte?.

http://lalin.cidadans.net/EstrelaDaMana/2006/05/20/cantas-veces/
2 Comentarios - Enviar comentario

De mañá ben cedo.

19/05/2006

Ás veces, por buscar, perdemos as sensacións que tódolos días se producen arredor de nos, eses momentos que, con pouco, nos dan que pensar e poden aledarnos unha xornada completa.

Lembro, coma seguramente moitos, aquel primeiro parque das piscinas, ou dos "namorados" como se coñeceu durante moitos anos entre a xuventude máis brincadeira de Lalín. Era un lugar sinxelo, moi alonxado do que hoxe se entende coma área de esparcimento ou lugar de paseo. Tiña árbores, posiblemente o unico nexo en común co actual, e camiños de terra, que se embarraban no inverno coas choivas, posuía uns pequenos estanques nos que os rapaces podiamos buscar ras e cobras, uns pouco pretenciosos columpios e un vello muiño, case derruido, que daba o punto subrealista a todo aquilo. A costa do auditorio servía pra baixar a toda chispa coas bicicletas e os cesteiros viñan unha vez ó ano traballar no seu. Dende el subiamos a tumba celta, faciamos excursións o embalse e achegabámonos o campo de tiro a recoller os platos que se perdían.

Era un parque descoñecido pra moitos, ó que so se miraba no verán cando se enchían as piscinas, e que pasou sen pena nen gloria pola historia de Lalín.

Hoxe temos un parque moderno, con cemento, farolas, bancos, un longo paseo e ata un par de "lagos". Gústame, non o vou negar, pero non é o meu, non é o do meu recordo. Aquel parque semellaba máis natural, con máis natureza, menos artificial. Supoño que o progreso, os estilos, e o tempo, non pasan sen deixar pegada.

Estes días fixen un descubrimento, un feito que me chamou a atención e despertou a miña curiosidade, un momento que me troixo recordos e o cheiro a brañas que o parque tivera noutrora:

Á maña, ben cedo, un grupo de patos salvaxes cruza Lalín en dirección a Donsión, quero imaxinar que buscando os grandes ríos da comarca. Volven á noitiña polo mesmo camiño, dan un par de voltas sobre o parque, e pousanse na auga buscando descanso.

Parece que, a pesares do cemento, de retirar o antigo muiño e encher todo aquilo de especies foraneas, a nosa natureza recobra o terreo que se lle foi retirando.

Ás veces, por buscar, non nos percatamos do facil que é ser feliz cun recordo.

http://lalin.cidadans.net/EstrelaDaMana/2006/05/19/de-mana-ben-cedo/
0 Comentarios - Enviar comentario

Xa sei por que me gustas.

18/05/2006

Comprendín que non é a tua pel.

No medio dun sono souben que o teu corpo non é o que me tolea.

As luces do sol lembráronme ese pelo brincadeiro pero tampouco foi quen me engaiolou.

Caendo a noite Venus díxome dos teus ollos, andibo preto, pero non era tal.

No regato, axexando a auga, pensei nas tuas pernas, e aquela leira de erva verde trouxome o recordo do teu ventre.

Nin pensei nos teus peitos e somentes as tuas mans estiveron a trabucarme.

Nengún deles, e todos, me fan pensar en ti.

Somentes, agochado e esquivo, chegou o teu sorriso pra namorarme.

http://lalin.cidadans.net/EstrelaDaMana/2006/05/18/xa-sei-por-que-me-gustas/
2 Comentarios - Enviar comentario

Observando

17/05/2006

Quizais a noite sexa pra moitos de nos unha completa descoñecida, esa caricia que lembran os cans perdidos durante días a veira da estrada, o xesto amable e inesperado dun descoñecido que nos tende a man.

A noite, o silencio e a escuridade plena, gardan secretos e recordos dos que probablemente non sexamos conscientes, pero que mostran outra visión da vida a miudo nada despreciable.

É curioso como se ve Lalín de noite, sentados nalgún dos cumios que o rodean, e acompañados dalgunha das luas do ano. Brazos de luz espállanse dende un nucleo fluorescente na procura doutros lares, coma regatos de augas vivas baixando entre as lousas cara o río. Esas lineas de luz, transitadas na media noite por uns poucos e solitarios vehículos, son as que unen centos de xentes, de vidas, de historias ás que ignoramos no día. Esas serpes de negro asfalto vinculan almas, a maioría dormidas na plenitude da noite, que pouco ou moito teñen que ver entre si, e ás que o sol voltará a transformar en seres animados e profundamente descoñecidos uns dos outros.

A lúa, curioso satélite menguante e crecente, sabe de todas elas e lembra, que en conxunto, unidas e descoñecidas, son o verdadeiro pobo, a forza que fai medrar Lalín con maior ou menor destreza, con mellor ou peor futuro. A lúa, co seu xirar intermitente, recorda aqueles que estiveron e sabe que todos marcharán, deixando mellor ou peor lembranza, pero so iso, unha lembranza.

http://lalin.cidadans.net/EstrelaDaMana/2006/05/17/observando/
1 Comentario - Enviar comentario
Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Derechos reservados